Tal como pasa cos contos, non se sabe moi ben cando naceu a Tropa de Trapo. O certo é que tanto Marta coma Brais, que compoñemos esta curiosa tropa, xa levabamos anos relacionados co mundo dos contos, da oralidade e da literatura, cada un polo seu lado.

Foi no 2006 cando coincidimos, entre as rúas molladas de Compostela. E como a zona vella non é tan grande como para non atoparse, acabamos por xuntarnos : Marta coas súas palabras e Brais coa súa música. Alí organizamos durante moitos luns sesións de contos na rúa (sempre e cando a choiva e o frío non nos quitasen as ganas de escoitar). E pouco a pouco foi collendo forma o que hoxe é A Tropa de Trapo.

O salto aos escenarios foi en maio do 2007 co noso primerio espectáculo de contos e música para público adulto : A HORA AZUL. Unha mistura de contos lonxanos e cercanos, de romarías e desertos, de mulleres que non se renden, de nenos que xogan, de homes que emigran… Catro contos ao son de instrumentos tan peculiares coma a guitarra portuguesa, o laúde árabe, a darbouka, as karkaba…

Foi comezar e non poder parar. Nese mesmo ano, no 2007, empezamos a actuar tamén para público infantil. Naceu entón A VIAXE DAS PALABRAS, o noso segundo espectáculo. Nel contamos a historia dunha nena, Lucía, que nunca coñeceu a seu avó. Todo o que del queda é unha maleta vella, chea de recordos que Lucía irá descubrindo. Contos de vacas, de lume, de maxia… e música e efectos sonoros en directo (algúns deles coa inestimable colaboración do público!).

Contar contos gustábanos… e moito! Pero a nosa vocación como ensinantes empurrábanos a máis. Así que decidimos fundir os contos, a música e a nosa experiencia didáctica e ofrecímoslles aos centros de secundaria actividades que incluían contos e obradoiros nos que traballar diferentes habilidades (a oralidade, o debate mediante técnicas de teatro social, improvisación e expresión corporal…).

Pasaban os meses e pasaban as actuacións. E despois de estar en institutos de toda Galiza (…toda!), sentimos a necesidade de tratar certos temas co alumnado, que eles expresasen a súa opinión e poder debatir. Foise xestando así a idea do seguinte espectáculo, e a principios do ano 2009 estreamos: CONTOS SEN MEDO, Relatos sobre a liberdade.

Pensado especificamente para Bacherelato, trata o tema da liberdade e do medo, de cómo nos afecta e condiciona. Todo a través de historias reais, cercanas, que fomos recollendo (e moldeando para o público adolescente). A dictadura, a orientación sexual, o teatro, o medo, a represión, os soños de cadaquén… todo se funde neste espectáculo para debuxar un amplo abanico de medos e desexos, de liberdades e de represións. Todo para dar pé ao debate.

Finalmente, nesta primavera do 2010 nace CONTOS COAS MANS ABERTAS, a nosa última proposta. Un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas posibles e de grandes soños no horizonte. Contos para mellorar o mundo, para entendelo mellor, para traballar por el. Sempre coas nosas mans, as que temos, as que tanto valen : as nosas mans abertas.

Na mesma liña, CONTOS COAS MANS ABERTAS recopila historias reais, humanas e sinceras. Mulleres dunha aldea galega que aprenden a andar en bicicleta, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb e unha tribu de bosquimanos… todo misturado cun ritmo entretido, cercano e emocionante. Sempre aliñado cun pouco de retranca, misterio e ilusión… e o ritmo da música en directo.

…E así, cargados de historias, percorremos a xeografía galega enteira (…que non é pouco!). Tamén estivemos por Extremadura, Andalucía e Cataluña, facendo soñar e reflexionar aos nenos, adolescentes e maiores que queiran achegarse a escoitar un conto. Xa temos estado en centros sociais, bares, centros de maiores, bibliotecas, haimas, centros penitenciarios, colexios, e un longo etcétera, pero a nosa especialidade son os institutos. Nos centros de secundaria é onde máis actuamos e onde atopamos o público máis difícil, pero tamén un dos máis agradecidos.

Isto é a Tropa de Trapo, un feixe de historias e melodías, de realidades, de soños e moitas ganas de seguir dándolle vida a ese fío delicado que é a transmisión oral.

Please publish modules in offcanvas position.

Free Joomla! template by L.THEME