A Hora Azul : os contos (1ª hora)

A hora azul son catro contos que veñen de Marrocos, de Alxeria, da Galiza… de calquera parte do mundo e de todas á vez. É o noso espectáculo máis variado. Contos de mulleres valentes en tempos difíciles, festas nunha aldea galega, lendas marroquís… Historias ó son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco e das karkaba.

Ideais, valores, cartos, historias de amor entre as areas do Sáhara e o torreiro de Chandebrito.

A Hora Azul : o obradoiro (2ª hora) – só para institutos

No obradoiro de A Hora Azul intentamos afondar no oficio de contacontos. Traballamos primeiro dinámicas de expresión corporal, para logo ir experimentando, mediante distintos exercicios, as particularidades deste antigo oficio de contar historias (a forza da mirada, a importancia de escoitar, a creación colectiva, a imaxinación e a improvisación…).

Os obxetivos principais desta actividade son os seguintes:

– Potenciar a imaxinación

– Traballar habilidades narrativas e escénicas

– Reflexionar sobre diferentes valores e culturas

– Destacar a importancia de escoitar

– Valorar o legado da oralidade


 

Leila é unha historia de amor e de valentía. A historia dunha muller que se atreveu a facer o que ela cría nun tempo e nun lugar no que era difícil ser muller. Un amor, unha promesa e unha canción dan comezo a unha búsqueda que levará a Leila máis alá das areas do deserto de Alxeria.

Sabela é moi parecida a Leila, decidida e con carácter. Pero o seu entorno é ben distinto: a Galiza de principios de s.XX, un marco de pobreza, miseria e emigración nunha aldea rural do Val Miñor. Pero estas amarguras fanse máis levadeiras cando chegan os días de festa, e todo o mundo se reúne no torreiro. Alí se cruzan as historias de Antón, Ramón e Sabela, entre bailes agarrados, o posto de churros de Doña Isaura e unha cámara de fotos imaxinaria.

Mohamed é un rapaz que vive na rúa e domina a arte de buscar todo o que a xente perde, olvida ou tira. Da súa man percorreremos un mercado árabe, entre especias, cores e moita xente coas súas discusións. Este conto é unha versión dunha lenda árabe que fala da xustiza, da avaricia e do cheiro que teñen os cartos.


 

Os instrumentos que empregamos neste espectáculo son os seguintes:

O CAIXÓN FLAMENCO feito por nós mesmos, de reciclaxe, sérvenos para comentar a necesidade de reutilizar e reciclar o refugallo. Tocámolo un pouquiño na introducción.

A GUITARRA PORTUGUESA acompaña ó conto de Leila. Aínda que é o instrumento típico do fado, música culta portuguesa, e se toca coa uña, nós démoslle outro aire… Usámolo ó estilo do mondol alxerino, con púa. Non é unha relación tan tola como parece, xa que ambos os dous instrumentos teñen cousas en común: as cordas metálicas, dobres, a afinación da guitarra portuguesa (que é moi semellante á que empregan os árabes no laúde)… Coa guitarra portuguesa interpretaremos unha peza inspirada na música Gnawa, popular no Magreb, que é un tipo de canto espiritual tribal, ás veces improvisado sobre unha base.

Para oír a peza de guitarra portuguesa que acompaña a Leila, preme nesta ligazón ao soundcloud : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-hora-azul-guitarra

A DARBOUKA, instrumento de percusión árabe, de corpo metálico (que o diferencia do djembé, que é de madeira) e parche sintético.

Para oír a darbouka, preme na ligazón : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-hora-azul-darbuka

As KARKABA, moi empregadas tamén na música Gnawa. Son coma unhas “castañuelas” dobres de metal.

Para oír as karkaba, preme na ligazón : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-hora-azul-karkaba

O LAÚDE ÁRABE, o máis apreciado dos instrumentos árabes. Tamén un dos máis dificiles de tocar. Ten unha enorme tradición, tanto temporal como xeograficamente (dende Marrocos a Pakistán!) e unha grande cantidade de rexistros e matices. Adoitan ser verdadeiras xoias de artesanía e decoración.

Para oír a peza de laúde árabe de Mohamed, preme na ligazón : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-hora-azul-ud-la-de-rabe

Estes tres últimos (darbouka, karkaba e laúde árabe) acompañan ó conto de Mohamed.

Please publish modules in offcanvas position.

Free Joomla! template by L.THEME