CONTOS COAS MANS ABERTAS: Os Contos (1ª hora)

Esta é a nova proposta da Tropa de Trapo. Un novo espectáculo de contos a dúas voces con música en directo. Igual ca en anteriores proxectos, segue a explorar a liña de historias reais (case todas), recollidas en primeira persoa, na busca de contos sinceros e cercanos, que falen realmente do fondo humano que a todos nos une.

Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, CONTOS COAS MANS ABERTAS é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de realidade, de pequenas loitas posibles e de grandes soños no horizonte. Contos para mellorar o mundo, para entendelo mellor, para traballar por el. Sempre coas nosas mans, as que temos, as que tanto valen : as nosas mans abertas.

Xirando en torno á idea das mans, pola nosa imaxinación irán pasando mulleres maiores dunha aldea galega que aprenden a andar en bicicleta, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas e unha tribu de bosquimanos cun curioso convidado… todo misturado cun ritmo entretido, cercano e emocionante. Sempre aliñado cun pouco de retranca, misterio e ilusión… e o son da música en directo, desta vez coa guitarra… sons suxerentes para deixarnos levar e imaxinar os contos como se estivésemos dentro da propia historia.

CONTOS COAS MANS ABERTAS: O Obradoiro (2ª hora) – Só para institutos

No obradoiro imos facer xogos de cooperación e debate, e algunha improvisación teatral. Ao principio moi inocentes e xerais, nos que todo o mundo temos moitas boas intencións, para ir pasando a xogos onde teñan que amosar (e moitas vees decidir no momento) a súa postura sobre cousas máis concretas e que lles afentan ao alumnado ou á sociedade máis próxima que lles rodea.

Así pretendemos que se atopen coa diferencia entre a súa opinión da solidariedade e da cooperación máis xeral, enfrontada á súa acción particular, ao que cada un deles fai.

E a partir daí debatir profundizando sobre as opinións que temos formadas máis á lixeira e o que sinceramente pensamos que podemos facer para cambiar o mundo… alomenos o que nos rodea.

Os obxectivos deste obradoiro son:

– Reflexionar sobre os conceptos de solidariedade e cooperación

– Facer esta reflexión dunha maneira máis vivencia

– Profundizar no debate, deixando atrás tópicos e opinións superfluas

– Animar á acción solidaria

– Concienciar sobre a diversidade de necesidades

– Educar no respecto


 

As mulleres de Torneiros (unha pequena aldea preto de Allariz) conseguiron facer algo impresionante: aos seus 70 anos, aprenderon a andar en bicicleta. Pero detrás deste logro hai toda unha historia de traballo en grupo, de anécdotas, de medos e ilusións, de xente implicada, de esforzo e moito, moito café…

Nuria chegou a Nicaragua disposta a construir unha escola. A iso ía. Pero non foi tan fácil. A calor, o sol e un mundo tan distinto, fixéronlle baixar o ritmo… e aproveitar as noites, que se encheron de conversas. José, o vixiante, amosoulle un mundo precioso de xente hospitalaria, agradecida, valente e namoradiza. Fixo moito por Nuria, pero chegou o día no que Nuria tivo que facer algo por el, algo que o vello José nunca esquecerá…

A última historia é unha disparatada maneira de unir culturas, de rirnos de nós mesmos e disfrutar das nosas diferenzas. Manolo, un home de Oza dos Ríos, profundamente namorado das súas tres vacas (a Pinta, a Marela e a Herminia), arrúinase e ten que deixalo todo. Vender as vacas e partir. E nunha destas voltas que dá a vida, entra en contacto cos Bosquimanos do Kalahari, cos que decide montar unha cooperativa para rescatar ás súas tres vacas. Un ritual, unha viaxe espectacular, un misioneiro e outras moitas cousas e xentes vanse cruzando no camiño de Manolo. Peripecia tras peripecia ata acadar, por fin, ser o primeiro galego bosquimano…


 

Neste espectáculo empregamos:

A GUITARRA CLÁSICA, tocada a modo de Requinto Nicaragüense, para acompañar o conto de Nuria en Nicaragua. Sonarán melodías populares do Son Nica.

Para escoitar as pezas que tocaremos co requinto, preme: http://soundcloud.com/tropadetrapo/ccma-moralimpia http://soundcloud.com/tropadetrapo/ccma-pancasan http://soundcloud.com/tropadetrapo/ccma-son-nica

Please publish modules in offcanvas position.

Free Joomla! template by L.THEME