A VIAXE DAS PALABRAS

Para público infantil temos A Viaxe das Palabras, a historia dunha nena, Lucía, que descobre unha maleta vella de seu avó, a quen non chegou a coñecer. É todo o que de seu avó quedou, pero seus pais non lle deixan ver o que hai dentro. Nesta maleta prohibida están os recordos máis preciados de seu avó, os seus segredos. Unha noite, Lucía decide averiguar o que hai alí dentro…

Dende entón, a voz do avó acompáñanos nun espectáculo de catro contos, participativo, con música e efectos sonoros en directo. Contos de vacas, de tormentas que meten medo, de homes e mulleres que viaxan en busca do lume e de foguetes espaciais feitos na casa.

A música acompaña a algúns dos contos, co son da frauta de lata, da darbouka, ou mesmo de frautas traídas da lonxana China… E os efectos sonoros son participativos na súa maioría, algúns de reciclaxe, outros corporais e outros con instrumentos de percusión.


 

Na Viaxe das Palabras, ademais da historia marco de Lucía e a maleta de seu avó, contamos estoutras historias:

A primeira é a historia dunha vaca e do seu becerro, concretamente do embarazo e dun parto difícil. Tan difícil foi, que a vaca soa non puido dar a luz, e tiveron que axudarlle o home e maila muller da casa, os veciños, e ata o cura! E con todos a turrar do becerro, conseguiron sacalo, pero o problema máis grande aínda estaba por vir. Un misterio, un enigma, unha viaxe e un sabio capaz de facer chorar algo tan grande coma unha vaca mezclaranse con frautas chinesas para resolver esta historia.

Helena non sabía que era o medo… ata que descubriu a tormenta. Foi unha noite escura, na que comezou a sentir un ruído fóra da ventá, coma pasos e xente a soprar e golpes e un barullo moi grande… e tivo moito medo. Pero seus pais non a entendían e os nenos ríanse dela na escola. Ata que un día atopou a unha muller que lle deu un amuleto, algo co que enfrentarse ao que máis medo lle daba : un paraugas máxico.

Moitos anos atrás, a xente non posuía o lume. Os invernos eran fríos, as noites escuras e non se podía facer churrasco. Un home valente intentouno, subiu ata o máis alto do ceo, falou co deus Mulungu, enfrentouse aos seus acertixos… pero fracasou. Tempo despois, unha nena do público, intentará ver se é quen de traerlle o lume á súa tribo, e compartilo con toda a xente.

O soño de José, un cativo de Nicaragua, era ser astronauta. Pero no seu bairro de casas de cartón, o único que tiña para chegar ás estrelas era a súa imaxinación. E como iso tiña, usouno. Imaxinou e imaxinou. Xuntou todo o que puido xuntar para facer un foguete espacial… pero non conseguiu máis ca unha bolsiña de té. E vós credes que cunha bolsiña de té podemos chegar ata o espacio? Pois José imaxinou e imaxinou e algo logrou…


 

Os instrumentos que utilizamos neste espectáculo son os seguintes :

O Hu-Lu-Shi, frauta chinesa de bordón dobre e Hu-Lu central. Ten un son característico debido ao tipo de palleta que emprega e á embocadura de cabaza (Shi).

Para oír cómo sona o Hu-Lu-Shi, preme nesta ligazón ao soundcloud : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-viaxe-das-palabras-hulushi

A DARBOUKA, instrumento de percusión árabe, de corpo metálico (que o diferencia do djembé, que é de madeira) e parche sintético.

Para oír a darbouka, preme na ligazón : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-hora-azul-darbuka

A FRAUTA DE LATA, moi típica en Irlanda, usámola no conto de Helena e a Tormenta

Para oír a frauta de lata, preme na ligazón : http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-viaxe-das-palabras-frauta-de

E a TORMENTA, que faremos entre todas e todos, con percusion corporal e instrumentos de refugallo que repartiremos entre o público.

A tormenta que faremos en vivo, soará como algo así…: http://soundcloud.com/tropadetrapo/a-viaxe-das-palbras-tormenta

Please publish modules in offcanvas position.

Free Joomla! template by L.THEME