Ao longo do espectáculo, Wamba contaralle a Antía catro historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar.

Todo fiado coa voz de Wamba e un refrán de súa avoa : o río énchese de regatos pequenos.

No máis profundo do Serengueti, todos os animais de áfrica celebran unha enorme festa unha vez ao ano. Pero esta celebración ten un escuro pasado, cheo de sangue e violencia. Todo cambiou un ano que un león e unha elefanta descobriron que se necesitaban máis do que pensaban, e que se axufaban máis do que crían…

Sra. Celia desfrutaba vendo xogar aos nenos no seu cachiño de terra no medio da cidade. Chamábanlle o parque. Había quen quería facer edificios alí, pero ela non deixaba. Prefería escoitar rir aos nenos antes ca todos os cartos do mundo, pois ela tamén xogara e rira alí de moza.

O día que Sra. Celia morreu, as máquinas apareceron e os nenos empezaron a mover ceo e terra para evitar que lles quitasen o seu parque. Ao principio ninguén lles fixo caso, pero tiveron unha idea orixinal e subversiva : puxérnose a xogar sen parar…

Toñito Nganga vivía nunha aldea onde os xoguetes estaban contados : cada neno só podía ter un xoguete. Pero podían intercambialos. O caso foi que un día Toñito quixo ter máis dun xoguete, pediulle a outro que llo cambiase… e liscou cos dous xoguetes na man! E así fóillelos quitando a todos os demais… ata que descubriu que xogar só non era tan divertido.

Obrigado polos pais a compartir, ofreceulles o xoguete que menos lle gustaba aos outros… e algo pasou que lle fixo entender que compartir non é dar o que che sobra.

Había nunha aldea do Congo un lugar maldito ao que lle chamaban a chaira das dúas pedras. Un home cheo de fame e sen outra opción aventurouse a traballalas. Cando empezou a rozar aquelas terras apareceu a maldición, mellor dito : as “dúas maldicións” que resultaron non ser tal, senon unha grande lección para toda a aldea.

Unha muller, un sacho e toda unha aldea bailando – que vai ser o noso estimado público – van poñer o punto final a este espectáculo lembrando o que dicía a avoa de Wamba : o río énchese de regatos pequenos.

Please publish modules in offcanvas position.

Free Joomla! template by L.THEME